top of page

Coach vocal

Cal é a miña función como coach vocal? É a de acompañarte no teu proceso de aprendizaxe ou perfeccionamento no uso e xestión da túa voz. A quen pode interesarlle contratar unha coach vocal ?  A calquera persoa que use a voz de forma profesional: ensinantes, conferenciantes, cantantes, actores/actrices, persoas que dirixen reunións... E tamén persoas que no uso cotiá da voz, quedan afónicas con certa frecuencia, que notan que teñen debilidade cando se trata de falar máis tempo do habitual ou en situacións de ruído que as obriga a subir o volume, pagando un prezo alto: a ronqueira ou a afonía.

Formeime en canto e didáctica do canto en Italia (canto lírico, jazz e Crossover) e doutoreime en Didáctica da Comunicación Oral (escoita comprensiva, expresión oral). Isto, unido a máis dunha década como cantante solista e actualmente tamén como contacontos, e máis de 30 anos como ensinante da oralidade, dame a experiencia para axudarche coa túa voz e proporcióname unha comprensión profunda do que supón usala con consciencia para evitar lesións e gañar riqueza expresiva, cor e dinámica e presencia escénica.  ​ Desde hai xa moitos anos acompaño a persoas e grupos de profesionais a mellorar este aspecto e non só no que se refire á técnica vocal, senón á presencia escénica, técnicas de oratoria e comunicación, a parte psicolóxica e emocional que intervén cando temos que actuar ou falar en público, etc.  Mesmo podemos usar a propia voz, cantada ou falada, para adquirir maior seguridade e autoestima, aínda que non nos interese subir a un escenario. E todo isto, en sesións individuais ou ben a modo de talleres prácticos para grupos de persoas. Os horarios son flexibles.

O canto

"Quen canta, os seus males espanta". Sí, todos podemos cantar. E diría máis, todos debemos cantar, pois alegra o corazón. Pero se queres dedicarte ao canto, a técnica faise fundamental para evitar lesións e para expandir as posibilidades da túa voz: o teu rango vocal, a expresividade, a xestión das dinámicas, a colocación da voz, a postura do corpo, a xestión da respiración e da propia emotividade (pánico escénico)...

Todo isto é importante para cantar e falar de forma fermosa e coa mínima tensión. A miña técnica vocal provén de varias fontes e aínda que queiras empregar un canto natural, non excesivamente impostado, todo o que aprendas comigo vai protexer o teu instrumento, que son as túas cordas. Cando tes varias actuacións seguidas ou cando tes que actuar despois dunha noite de pouco descanso, é a técnica a que te sacará do apuro.

Comunicación oral

Cando temos dificultade na hora de comunicar en público: non se nos escoita, din que non vocalizamos, non organizamos ben o nos discurso, non sabemos cando intervir ou como facelo, por exemplo nunha reunión de traballo... Ou penso que a miña forma de expresión cando dou clase é algo monótona porque non emprego recursos expresivos ou ben teño medo de que volva a afonía e ténsome, provocando xusto iso que temía. Entón, podo axudarte. Podes contratar sesións individuais ou para un grupo.

Voz e Emoción

Estas sesións normalmente fanse en grupo mediante talleres. Son para público en xeral, pero adáptase ás idades. Hai talleres para adultos, ou só para mulleres, ou para adolescentes... Non se trata neste caso de adquirir unha técnica vocal senón de recuperar ou adquirir un poder persoal a través do xogo coa voz. Exploramos a respiración, a vibración e o son con dinámicas en parella, individuais e en grupo.

bottom of page