

Bio
Carmen Penim é unha artista polifacética e innovadora. Profesionalizouse na música e na literatura na súa madurez, despois de dedicar media vida ao Ensino e á investigación da comunicación oral.
En Italia forma no 2009 o dúo 2naFronteira xunto co pianista Maurizio Polsinelli, co que editou ata o 2016 cinco discos centrados en poetas, principalmente en galego, incluíndo tamén poemas da propia Carmen, do seu libro Cambio versos por champán (Torremozas 2011). Neste período 2naFronteira despregou un repertorio amplísimo de música sacra con harmonio, sefardí e doutras tradicións, así como experiencias culturais Enomusicais.
O compromiso social de Carmen coa igualdade levouna a publicar, xa en solitario, o libro-CD "Herdeiras", con artigos e poemas de varias autoras contemporáneas e poemas propios, que musicaliza co seu habitual eclecticismo. No 2020 homenaxea as mulleres da súa familia e a súa cultura rural e tradicional de orixe no Couto Misto, co disco "Cantos de terra e sal", que merece o 1º premio á mellor adaptación dunha peza tradicional nos Premios Opinión á Música de Raíz. No 2023 publica un audiolibro infantil co que deleita a cativada con contacontos con cancións en directo e baile: "A fraga de Pasacorrendo". E no 2025 publico un liro de autoexploración e busca da felicidade a traves da consciencia: "A corazón aberto". A súa constante busca de novas linguaxes musicais e de expresar o seu mundo interior e creativo, lévaa a experimentar coa música das plantas con "Música Conectada", que acompaña cun canto totalmente improvisado e con percusión, unha incursión na fonda e sagrada espiritualidade da terra, con raíces na cultura druídica celta e outros misticismos.
Carmen Penim: "A arte é, ante todo, comunicación e entrega e, por suposto, compromiso, artístico, pero especialmente social para facer unha sociedade mellor.
Licenciada en Filoloxía Hispánica e Doutorada en Educación, canta e escribe desde que ten memoria, de forma autodidacta. Xa na súa madurez, estudou canto jazz e canto lírico en Turín (Italia).
Forma parte do programa Referentes Galegas, da Asociación de Executivas de Galicia e foi nomeada Xuíza Honoraria do Couto Mixto no 2016 pola súa defensa do patrimonio inmaterial galego-portugués. As súas obras literarias e artísticas foron incluídas na Sala de Escritores da Limia no Museo Etnolóxico da Limia.
2naFronteira: "A arte fai máis ricas ás persoas. É todo un privilexio poder compartir o que facemos. O noso amor polo público é incondicional e sincero."
